lunes, 25 de abril de 2011

Vinis Terrae



           
DEPARTAMENTO DE COMUNICACIÓN

VINIS TERRAE promove a internacionalización das medianas e pequenas adegas

*     A cuarta edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade acollerá un curso sobre a elaboración de cartas de viños para restaurantes impartido pola Asociación de Sumilleres Gallaecia

Ourense, 25/04/11.- VINIS TERRAE, Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, presentará ante importadores dunha quincena de países e profesionais da distribución e hostalería de toda España as novas colleitas das adegas galegas adscritas ás denominacións de orixe da comunidade (Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia). Os 5.000 metros cadrados de superficie do salón acollerán a 70 expositores. De carácter exclusivamente profesional, a cuarta edición terá lugar en Expourense os días 27 e 28 de abril.

VINIS TERRAE convértese na feira do sector vinícola con maior proporción de importadores e distribuídores por adega, tendo xa cada unha delas unha axenda de traballo con 15 citas de negocios importadores e compradores nacionais confirmados para esta cuarta edición edición. Así, esta feira convértese nunha ferramenta de internacionalización ó servizo das pequenas e medianas empresas galegas para facilitarlle a exportación a mercados aos que, doutro xeito, lles resultaría máis complicado acceder. De feito, este salón conta coa fidelidade dunha alta porcentaxe de expositoras que xa participaron en edicións anteriores.

Os Estados Unidos de América, con importadores procedentes de 12 estados, Bélxica, Polonia, México e España serán os países con maior representación nesta edición na que tamén participarán compradores de Alemaña, Brasil, Dinamarca, Finlandia, Holanda, Portugal, Reino Unido, Suecia e Suíza. Tamén asistirán ó salón axentes que traballan co mercado asiático ou con Noruega.

Convén destacar a visita ó salón, por primeira vez, de importadores de México, xa que só no primeiro trimestre de 2010 as exportacións de viño galego a México medraron un 150% con respecto ó mesmo período do ano anterior.

Ademais dos importadores belgas contactados pola organización, a participación de Bélxica complétase grazas á misión comercial inversa que a Cámara de Comercio de Ourense organizou con este país coincidindo coa celebración de VINIS TERRAE. Trátase dun dos primeiros países do Mundo na importación de produtos agroalimentarios españois.
VINIS TERRAE ten o obxectivo de posicionar os viños e licores galegos en distintas áreas do mercado español co obxectivo de ampliar a presenza de viños galegos en toda España. Visitarán o salón compradores nacionais do sector da distribución directa ou con maoristas como a través da Canle HORECA e que pertencen aos mercados máis importantes do país, polo seu volume de consumo, como son Madrid e Cataluña. Tamén asistirán aqueles as zonas turísticas por excelencia como a Comunidade Valenciana, Murcia, Andalucía, Canarias e Baleares. A participación dos distribuidores completarase con aqueles procedentes dos mercados de proximidade do Norte de España como Euskadi, Cantabria e Castela-León.
Os viños e licores de calidade que presentarán neste salón as adegas expositoras teñen prezos que van dende menos de 2 euros ata os 40, cubrindo así todos os segmentos comerciais, dende viños novos da última añada ata outros de barrica, tostados ou augardentes envellecidas.

Programa de actividades

Entre as novidades desta cuarta edición de VINIS TERRAE destaca  o curso sobre criterios de confección de cartas de viños para restaurantes que impartirá a presidenta da Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia, Mercedes González, durante a primeira xornada de feira, en horario de 17.00 a 19.00 horas. A asistencia é gratuíta previa inscrición a través de www.vinisterrae.es. Este curso ensinará a crear un “Libro de Adega” abordando aspectos como o tipo de cociña e ubicación xeográfica do restaurante tendo en conta de se pertence a zona vitivínicola ou qué capacidade de almacenamento ten o estabecemento.

Celebrarase ademais a segunda edición da Cata Nacional Extraordinaria VINIS TERRAE 2011 organizada entre pola Aula Internacional de Catadores (AULINCAT) e Radio Turismo que premiará coas Medallas de Ouro aos mellores viños e licores expostos no salón. A entrega de premios terá lugar o xoves 28 ás 13.00 horas.

Rutas Enoturísticas

As cinco rutas do viño galegas, correspondentes ás áreas xeográficas recoñecidas con Denominación de Orixe, terán o seu espazo no salón para promocionarse ante os visitantes ó salón como un exemplo das posibilidades que ofrece o sector vitivinícola non só como recurso agroalimentario ou comercial, senón tamén turístico.
Entre as demais actividades propostas destaca a organización, unha vez rematada a feira, de visitas ós consellos reguladores e adegas participantes para que os visitantes poidan ter un maior coñecemento in situ das zonas de produción do viño ou os licores e facilitar a súa comercialización.
Entidades colaboradoras

A cuarta edición de VINIS TERRAE volverá contar co patrocinio da Consellería de Medio Rural, coa colaboración do IGAPE, Galicia Calidade e a Cámara de Comercio de Ourense.

VINIS TERRAE abrirá as súas portas os 27 e 28 de abril en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 18.30 h. Esta feira conta cun portal especializado, www.vinisterrae.es, que recolle toda a información sobre os países e as adegas participantes, así como información sobre os consellos reguladores dos viños e licores de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario